Conclusións das xornadas “Á procura do pasado para armar o futuro: O rural e as institucións da memoria”
Organizadas por BAMAD Galicia e a Fundación Olga Gallego, celebráronse no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo os días 29 e 30 de novembro de 2024. Participaron uns 16 relatores e houbo algo máis de 50 inscritos das catro provincias galegas e tamén do resto de España que axudaron a facer destas xornadas un enriquecedor foro de encontro no que se puxeron en común numerosas iniciativas e proxectos para dotar ao noso rural dun futuro cheo de vida.
Velaquí as principais conclusións que os organizadores destas xornadas extraemos:
- As persoas son o eixo da conservación e da divulgación da memoria rural.
- A colaboración entre entidades da comunidade e as institucións da memoria será fundamental para o mantemento e o coñecemento da memoria rural.
- Os poderes públicos deben implicarse para soster os arquivos, as bibliotecas e os museos do rural como garantes que son desa memoria e como impulsores de iniciativas da comunidade.
- Para manter a memoria do rural precisamos que estea vivo, que sexa dinámico e que conte con servizos de calidade. Un rural ligado ás persoas que o habitan será o armazón que sosteña a memoria do pasado e a vida do futuro.