XORNADAS PRESENCIAIS:
Días de labor. A memoria do traballo e a súa pegada na sociedade e o territorio
Ferrol, 25 e 26 de setembro de 2026
Presentación
As Xornadas Días de labor: a memoria do traballo e a súa pegada na sociedade e no territorio, pretende aproximarnos á memoria do traballo e facelo tanto desde o punto de vista da investigación (histórica, antropolóxica, económica, sociolóxica…), como dos testemuños materiais que se conservan nos centros da memoria (arquivos, bibliotecas, museos e centros de documentación) e que alimentan precisamente a actividade científica, sen esquecer que esa memoria non pode construírse á marxe da sociedade que lle dá vida.
Ademais de expoñer e difundir algúns dos fitos e tendencias da investigación sobre o traballo en Galicia (en ámbitos tan diferentes como o medio rural, a industria, o sector pesqueiro e marisqueiro ou, por suposto, o movemento obreiro ou o mundo da inmigración), queremos abrir o debate sobre a formación, a conservación, a xestión e a difusión das pegadas documentais e materiais desa actividade, tanto nos centros ligados ás institucionais públicas ou privadas como naquelas entidades máis descoñecidas do terceiro sector, e como todo iso repercute e de que maneira na sociedade e no territorio.
