XORNADAS PRESENCIAIS E VIRTUAIS (escolle como queres acompañarnos):
As mulleres, a información e os centros da memoria e IV Xornadas da Fundación Olga Gallego.
Santiago de Compostela 1-2 de abril de 2022. Posibilidade de presentar comunicacións de maneira telemática. Non esquezas seguir a web con información das novidades sobre as xornadas, ponentes, comunicacións presentadas e outras informacións de interese.
Presentación
O rexistro do pasado da raza humana que se escribiu e interpretou é só un rexistro parcial, pois omite o pasado da metade da humanidade
—Gerda Lener
Os arquivos, as bibliotecas e os museos son centros que custodian a nosa memoria e como institucións da nosa sociedade tamén participan ou participaron dunha concepción androcéntrica do mundo, indagar sobre esta situación e propiciar cambios desde un enfoque feminista serán os propósitos principais destas xornadas. Esa transformación dos centros da memoria buscará, non tanto a memoria das mulleres, senón colocar as mulleres no centro da memoria.
O obxectivo é ambicioso, supón elaborar sistemas novos, que en ocasións implican un salto ao baleiro porque non dispoñemos de precedentes, e supón tamén reordenar ou, máis ben, establecer unha nova orde de pensamento e análise. Para iso nestas xornadas reflexionaremos sobre como adaptar as técnicas propias de arquivos, bibliotecas e museos a un enfoque feminista; como incorporar a perspectiva de xénero ás estruturas e aos procesos de traballo nas institucións da memoria; como colaborar coas iniciativas que xorden na sociedade civil para conservar esa memoria non vinculada ao poder, á propiedade ou á xerarquía; como dar resposta ás necesidades de novos enfoques de investigación e a novas demandas de información sobre as mulleres; en fin, como podemos construír un novo marco que encadre os centros da memoria como institucións que conserven unha representación das mulleres e os homes xusta e equitativa.
Este web, e a realización das Xornadas As Mulleres, a información e os centros da memoria, recibiu o apoio da Deputación da Coruña.